A horta galega encerra un grande potencial saudable. Acábase de demostrar que o grelo e a nabiza teñen propiedades anticanceríxenas e antioxidantes. A clave está na presenza dunhas sustancias denominadas glucosinolatos, que ademais de proporcionar o sabor amaro característico destas plantas son tamén as que gardan as súas propiedades saudables. O alto valor nutricional e a súa achega como axente anticanceríxeno e antioxidante comprobouse nun estudo da Misión Biolóxica de Galiza do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC). O traballo analiza como as características climatolóxicas condicionan as propiedades agronómicas e as características organolépticas (textura ou sabor) e como as diferentes técnicas de cociñado afectan ás propiedades nutritivas destas verduras.

A principal conclusión do estudo é que “as nabizas e os grelos son alimentos funcionais”, o que supón que a súa composición é beneficiosa para a saúde en determinados aspectos, segundo explica Pablo Velasco, da Misión Biolóxica. Este equipo centrouse nestes dous produtos porque “é o cultivo que pode ter máis interese para o consumidor galego e de fóra da Galiza”.

Segundo o investigador, existen numerosos estudos que vinculan o consumo deste tipo de plantas coa menor incidencia de diversos tipos de cancro, así como traballos in vitro e en vivo que demostran o efecto anticanceríxeno dos isotiocianatos, produtos de degradación dos glucosinatos.

Os grelos e as nabizas teñen, ademais, un alto contido en calcio, o que os converte en especialmente recomendables para as persoas que sofren de osteoporose. Neste contexto tamén supoñen unha alternativa adecuada para as persoas que padecen intolerancia á lactosa e non poden tomar leite, como fonte xeradora de calcio para a protección dos ósos.

Outro dos beneficios para a saúde que presentan estes vexetais radica nas súas propiedades antioxidantes, que se derivan da vitamina C que proporcionan ao organismo.

Fonte: mundogaliza