O vindeiro 14 de Agosto, o festival As Nosas Músicas, organizado pola Asociación A Xesteira de Couso, acada a súa XIII edición. Tal e como vén sendo habitual en anos anteriores, nesta festa mestúranse sons tradicionais cos de bandas que teñen  como principal cometido chamar á festa e ao baile. Nesta edición, na que volverá a haber zona de acampada e servizo de buses A Estrada - Couso (ida ás 23.00 e á 1.00 e volta ás 4.30 e ao remate da festa) actuarán Serralhe-aí (que gravará o seu disco en directo e contará coa colaboración de múltiples artistas invitados), Vai de Baile (grupo de acompañamento do concurso homónimo do Luar da TVG), Banda Potemkin (gañadores do A Polo Ghit 2006) e Festicultores Troupe (ben coñecidos como tremendos animadores de festas).

Ademais, a festa estará animada por unha representacións dos seráns de Mondariz - Pazos de Borbén. Nas aldeas e lugares destes concellos do interior da provincia de Pontevedra podemos atopar unha festa por que sí, calquera día á tardiña, no serán, e até entrada a noite. Cantar e bailar é o que gusta a esta veciñanza, sobre todo aos mais maiores, que nos alegran e nos entregan un legado de incalculable valor. Por outra banda, A Xesteira estrea nova páxina web á que se pode acceder dende www.asnosasmúsicas.com como dende www.festadecouso.com. Alí pódese atopar, entre outras cousas, máis información sobre os grupos deste ano ou botarlle un ollo aos carteis dos festivais pasados.