Que é a Lei Sopa?

A Lei SOPA (Stop Online Piracy Act) é un intento dos propietarios de dereitos de autor estadounidenses de controlar e monitorizar o tráfico en internet, co fin de combater o tráfico en liña de contidos e produtos protexidos. Entre estes pódese contar por exemplo coa música, películas, libros, creacións propias, imaxes etc.

Imaxinades non poder citar unha frase dun libro en Twitter? E dun filme? Ou do diálogo dun xogo? Que ocorrería se a información que Google indexa fose eliminada por contravir os dereitos de autor? Ou se nunha foto que temos en Facebook temos algo de fondo que ten dereitos de autor?

Por que nos afecta?

O filtrado da rede realizaríase a nivel global, polo que toda a cidadanía verá violados os dereitos de liberdade de expresión e privacidade ao ser vixiados polos parámetros indicados na Lei SOPA.

Suporía realizar un control polo miúdo do tráfico da rede xerado por cada usuario, a través do seu provedor de internet (ISP). Se o teu ISP encontra que realizas actividades fraudulentas, é dicir, arquivos protexidos polos dereitos de autor, poderías ser castigado con sancións que van dende a desconexión de Internet ata a entrada no cárcere.

Pensar que a lei non nos afecta porque somos soberanos  e  que non poden intervir servidores noutros territorios é errado.  Non importa que a lei sexa ditada en Estados Unidos e nós sexamos moi soberanos.  Primeiro, porque non obedecer aos EUA implica por en perigo varios acordos comerciais e económicos, segundo, porque a maioría dos servizos de aloxamento  e centros de datos están en Estados Unidos. Estamos dominados baixo o imperialismo americano.

 

 Na actualidade esta lei foi rexeitada por algunhas das máis relevantes empresas e organizacións de internet como: Google, Free Software Foundation,Facebook, Yahoo, eBay, Twitter, LinkedIn, Mozilla, European Digital Rights, Quadrature du Net, Open Rights Group e Reporteiros sen Fronteiras.

O Congreso de EUA conxelou a Lei  SOPA ata que non se atope un consenso que suporá a chegada  de novos proxectos semellantes na procura de limitar a creación, a innovación e dificultar o desenvolvemento futuro.

Digo non á Lei SOPA e as súas remasterizacións e obras derivadas. Non apoio a piratería,  mais tampouco apoio a desaparición de internet libre nin a supresión da liberdade de expresión na rede.

[wp_ad_camp_1]