Cando en 1998 Larry Page e Sergey Brin crearon un novo motor de procura en Internet e intentaron vendelo ninguén o quixo comprar, así que decidiron fundar a súa propia firma e nomeárona inspirándose nun término matemático: Google.

Dez anos despois, Google é un xigante informático omnipresente na rede -e, ás veces, fóra dela- con 20.000 traballadores e un valor en bolsa de 150.000 millóns de dólares, moi preto de grandes do sector con décadas de historia como Microsoft ou Apple.

Page e Brin, entón dous estudantes da universidade de Stanford, fundaron Google o 7 de setembro de 1998. Ese día o estado de California aceptou a solicitude de creación da empresa, aínda que Google non ten unha data oficial de aniversario e simplemente celebra o mes de setembro pola coincidencia de eventos relacionados coa creación da compañía. Cansados de buscar un comprador, Page e Brin montaron a súa propia empresa e lograron 100.000 dólares de capital risco de Andy Bechtolsheim, un dos fundadores de Sun Microsystems.

Google -cuxo nome deriva do término matemático “googol”, un 1 seguido de cen ceros- operou ao principio nas habitacións de Brin e Page nun colexio maior de Stanford.

Co tempo, a empresa deu o gran salto a un garaxe propiedade de Susan Wojcicki, hoxe cuñada de Brin, e en 1999 mudouse á súa sé corporativa en Silicon Valley coñecida como “Googleplex”.

Os seus empregados gozan alí dunhas das mellores condicións laborais de todo o sector, con comida e masaxes gratis e a posibilidade de dedicar un 20 por cento do seu tempo de traballo a iniciativas e proxectos propios.

Google procesa dous terzos de todas as procuras mundiais en Internet, un 40 por cento da publicidade “online” e accede a información potencialmente confidencial dos preto de 650 millóns de persoas que usan diariamente o seu servizo de procura ou outros como YouTube, Google Maps ou Gmail.

A compañía penetrouse en campos bastante alleos ao seu negocio tradicional como o “software” baseado na rede ou a loita contra o cambio climático e esta semana anunciou o lanzamento de Chrome, un navegador de Internet co espírito de competir co Explorer de Microsoft e o Mozilla Firefox.

Pero o seu crecente control do tráfico en Internet e publicidade “online” preocupa a algúns expertos, que temen que o buscador estea estendendo demasiado os seus tentáculos e miran con receo que controle tanta información.

“Están amasando demasiado poder”, dixo a Efe Jeff Chester, director do Centro para a Democracia Dixital, unha prestixiosa organización non gobernamental (ONG) e centro de estudos sobre Internet.

“É unha ecuación que non está equilibrada, trátase dun sistema deseñado só por unha entidade”, dixo este experto que, no entanto, cre que Google contribuíu “a democratizar o acceso á información”.

Outros analistas ven con desconfianza o seu rápido crecemento, pois cren que a que é unha das empresas máis dinámicas e innovadoras de Internet pode acabar afogada en burocracia e parecerse a Microsoft ou IBM.

Para Jeff Battelle, conselleiro delegado de Federated Media e autor de “The Search”, un dos libros máis vendidos sobre o buscador, Google ten que ter especial en coidado en non ser vítima do seu propio éxito.

“Creo que Google enfróntase ao típico de reto de todas as empresas excepcionais de gran crecemento: innovar a medida que cambia o clima económico pero non namorarse de cada cousa que poidan fan”, dixo a Efe.

En Google opinan que, pese a ser hoxe tan grandes, mantivéronse “fieis a unha cultura que permite que as mellores ideas salgan á superficie, veña de onde veñan dentro da empresa”.

Nun documento para a prensa sobre o seu décimo aniversario, o buscador insiste en que a súa xerarquía “é mínima” e en que seguen sendo unha organización plana na que cada individuo pode ter un gran impacto.

Como os seus prioridades para o futuro, a firma cita “apostar con forza pola web móbil”, ademais de “desenvolver potencial para monetarización e liderar en procura rápida como o raio”.

Como será Google dentro de dez anos é moi difícil de dicir, pero vendo a súa influencia en Internet na última década prácticamente todo é posible.

Algúns o intentaron, como o sitio en Internet Fark.com cun concurso de Photoshop lanzado en 2004 baixo o título de “Google dentro de 15 anos.”

O ganador do premio enviou unha imaxe que simulaba unha páxina de Google coa frase “as miñas malditas chaves” na casilla de procura e a resposta “encima da nevera, xusto onde as deixaches, imbécil”, como resultado.