Google non sacará un teléfono, senón un sistema operativo para móbiles
Máis de trinta empresas xa se uniron á plataforma Open Handset Alliance impulsada pola empresa estadounidense.
Despois de moitos meses de especulación sobre o presunto lanzamento do teléfono móbil de Google, a compañía estadounidense xa desvelou cales son as súas intencións no sector. O proxecto de Google chámase Android e non é un aparello físico, senón un sistema operativo para móbiles. Android toma o nome da compañía que o xigante da rede mercou en xullo de 2005 e cuxo software serviu de alicerces para crear o novo sistema operativo móbil. Máis de trinta empresas tecnolóxicas uníronse na Open Handset Alliance para impulsar Android. Entre os membros da plataforma están Telefónica, T-Mobile, Motorola, eBay ou Samsung. O formar parte da alianza non impide empregar outros sistemas operativos para os móbiles destes fabricantes.
A principal característica de Android é que será libre, de código aberto, baseado en Linux e cunha máquina virtual de Java. O luns 12 estará dispoñíbel para a descarga o SDK (paquete de desenvolvemento de software) para programadores, e a mediados de 2008 sairán á venda os primeiros teléfonos con este sistema. Como resposta ao anuncio de Google, as súas accións na bolsa disparáronse de prezo.
Fonte: Vieros.com