O galardón deste ano en Física outórgase a Albert Fert e Meter Grünberg polo seu descubrimento da Magnetorresistencia Xigante. As aplicacións deste fenómeno revolucionaron as técnicas de recuperación de datos dos discos duros. Premio Nóbel de Física 2007

A Real Academia Sueca das Ciencias decidiu outorgar o Premio Nóbel de Física 2007 conxuntamente a:

  • Albert Fert Unité Mixte de Physique CNRS/THALES, Université Paris-Sud, Orsay, Francia,
  • Peter Grünberg Forschungszentrum Jülich, Alemaña,

“polo seu descubrimento da Magnetorresistencia Xigante”.

A nanotecnoloxía dá sensibilidade ás cabezas lectoras de saída dos discos duros compactos. O premio deste ano en física concédese pola tecnoloxía empregada para ler datos dos discos duros. É grazas a esta tecnoloxía que foi posible miniaturizar os discos duros dunha forma tan radical durante os anos recentes. As sensibles cabezas lectoras de datos son necesarias para extraer a información dos discos duros compactos empregadas nos computadores portátiles, e algúns reprodutores musicais, por exemplo.

En 1988 o francés Albert Fert e o alemán Meter Grünberg descubriron cad un, de forma independente, un efecto físico totalmente novo: a magnetorresistencia xigante ou GMR. Os cambios magnéticos moi débiles provocan grandes diferenzas na resistencia eléctrica dun sistema GMR. Un sistema desta clase é a ferramenta perfecta para a lectura de datos dun disco duro, cando a información rexistrada magnéticamente ten que converterse en corrente eléctrica. Pronto, os investigadores e enxeñeiros comezaron a traballar para que este efecto puidese aplicarse nas cabezas lectoras. En 1997 a primeira cabeza de lectura baseada en GMR lanzouse ao mercado, e deseguido se converteu na tecnoloxía estándar. Ata as técnicas de lectura máis recentes son desenvolvementos posteriores baseados no GMR.

Un disco duro almacena información, por exemplo música, en forma de pequenas áreas microscópicas magnetizadas en diferentes direccións. A información recupérase mediante unha cabeza lectora que varre o disco e rexistra os cambios magnéticos. Canto máis pequeno e compacto é o disco duro, máis pequenas e débiles son as áreas magnéticas individuais. Xa que logo, para almacenar información de forma máis densa nun disco duro, requírense cabezas lectoras máis sensibles. As cabezas lectoras baseadas no efecto GMR poden converter cambios magnéticos moi pequenos en diferenzas na resistencia eléctrica e xa que logo en cambios na corrente emitida pola cabeza lectora. A corrente é o sinal da cabeza lectora, e as súas diferenzas na forza representan uns e ceros.

O efecto GMR foi descuberto grazas ás novas técnicas desenvolvidas durante a década de 1970 para producir capas moi finas de diversos materiais. Se o GMR funciona, é grazas a que puideron producirse estruturas consistentes en capas cuxo grosor é de apenas uns átomos. Por esta razón, o GMR pode considerarse tamén como unha das primeiras aplicacións reais do prometedor campo da nanotecnoloxía.