¿Queres comer alimentos transxénicos?
Os alimentos transxénicos proveñen de organismos vivos nos que se introduciron artificialmente modificacións na súa información xenética. Isto lévase a cabo mediante distintas técnicas dependendo do organismo que se queira modificar. Unha das máis habituais é a utilización de vectores víricos e bacterianos. Neste contexto, un vector é un organismo vivo que engade os xenes que codifican as características para introducir no organismo receptor, e que é quen de integralos no material xenético deste. En teoría, o organismo receptor terá unha característica introducida, pero na práctica os xenes que se integran fano nunha proporción moi baixa. (Por Ex., en óvulos de vaca, só se consegue a integración xenética en un de cada mil).
Nos anos 80 entran neste campo de investigación as compañías agroquímicas e farmacéuticas, acaparando en pouco tiempo unha grande parte da investigación.Esta circunstancia fixo que as investigacións pasaren de estar guiadas por intereses científicos a facéreno por intereses económicos, pasando a rendibilidade a ter tanto ou máis peso có coñecemento.
Dada a relativa novidade destas técnicas, e a pesar da rapidez coa que avanza a ciencia na actualidade, aínda non se ten un coñecemento exacto do funcionamiento do material xenético. E non se sabe con seguridade o que acontece bioquimicamente despois de que o xene novo alleo é enxertado nun xenoma. A seguridade para a saúde humana e ecosistémita aínda está por probar.
A biotecnoloxía, é un instrumento moi poderoso, que trará cambios no noso xeito de entende-lo mundo. Por iso é conveniente pensar en tódalas consecuencias que a aceptación social destas técnicas de maneira indiscriminada poden traer. Tamén é necesario endurece-las normas existentes sobre a liberación e comercialización de organismos manipulados xenéticamente. É necesaria unha moratoria en relación a estes temas ata que os riscos da biotecnoloxía sexan avalados e se impoñan as medidas legais adecuadas para a seguridade de tódolos seres vivos.
Este artigo é un extracto do publicado por Lucía Méndez, no boletín de FEG, TERRA Nº 4
Fonte: www.daiqui.com